sábado, 7 de mayo de 2011

Cinco poemas de Lois Pereiro


Despois dun ano sen entradas estamos encantados de retomar a actividade nesta bitácora que inicia a súa nova andadura da mellor maneira posible coa celebeación das Letras Galegas 2011. Este ano Lois Pereiro é o autor homenaxeado e ningún coma el representa mellor a poesía máis vangardista feita na nosa terra nos últimos tempos. Deixamos enlaces para que consultedes sobre a súa peripecia vital e a súa obra. Que o disfrutedes.


Achamos en falta na rede a reprodución escrita de poemas de Lois Pereiro. Queremos facer unha pequena contribución a esta carencia e tecleamos un poema emblemático en que se oferta unha visión panorámica do país por orde alfabética e dende un punto de vista moi persoal e simbólico: atención ao uso significativo das maiúsculas.






Que é Galicia?” (guión televisión)


( Emitido pola TVG o 25 de xullo do 1988)



Galicia...data

Run...





a. Auga. Ar.
A Amnesia do vencido, a Atracción do Abismo, a Árbore ao pé da Árbore, e a ledicia do espacio circundante.
O Atlántico é a Alma e o Acantilado o corpo da súa chamada Atroz.

b. Barroco: a Beleza cotiá feita materia en pedra á Beira do Bosque omnipresente

c. Calma.
Castelao, Curros, Cunqueiro, Cultura, Celebración e Culpa: unha Conciencia Céltica do Cosmos.

d. Difícil é definir esa Dor, Dobregar o Destino, e facer que o Desexo siga sendo útil.

(Diluvia)

e. Espiral no Espacio Esférico.
Emigración: o Estímulo do noso Exilio interior que nos leva polo Leste cara Europa, polo mar cara ó Éxito e a Enfermidade, e sempre o Eterno Estrañamento do Espírito.

f. Fogar. Fantasía. Fábricas, Febre, e as Formas do Futuro, Figuras do pasado. O Fenómeno atmosférico da Felicidade, e todas as Festas do mañán...

g. Gráficas do Granito, auga e silenzo, onde transborda a alma da Gulfstream. O xemido das Gaitas, e no carácter esa amable presencia da Graxa.

h. Historia: Herbicida o olvido.
A Humidade, o “Horror vacui”, e a Humildade impídenos converter a Historia en Heroísmo. A nosa Herdanza adestrada na fuxida, coa sabedoría das vellas feridas, vencidos soamente por nós mesmos.

i. Ironía: a arte de vonverter o Inferno nun conto de Inverno.

j. Son oriental. Rotundidade sureña.

k. Kilowatios por terra asulagada.

l. Loito: manchas na paisaxe, bólas negras sobre o tapete verde.

m. O Misterio da Música doa Mortos pero o Miño vai levando ese Misterio ao Mar.

n. Norte. Noite. Néboa.Negro: materia poética nacional.

ñ. Nh/ gn/ ñ.

o. Oeste: “Galicia atende e obedece a chamada do Oeste” (R. Otero Pedrayo). Tantos séculos de Ofensas e Olvido crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia vai xerar no Orgullo deste pobo apacible o destrutico Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa.

p. Poesía. Patria. Paixón.
Perigo de extinción, perdidos na nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferenza alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos.
Paisaxes espalladas, enfiadas entre os Perfís do Pasado, coa Presenza dunha vexetal sensación de eternidade.
Paixóns e Poses “Punk”, refrexos Posmodernos e altas horas nos peiráns urbanos da noite.

q. Química da dor Quintaesencia do medo. Quen ri aí ao meu carón?

r. Río: o Rumor da vida, a Relixión das augas.
Os Risos xorden sempre onde Reina a calma, no fondo acougo de quen coñece o Risco e o domina.
Rural: corre sangue rural por estas veas; e se algunha vez a Razón opón Resistencia, o galego Recoñécese na terra, na lenta vitalidade da érbore, na invencible Resignación da herba.

s. O Son da Soidade e o Silenzo. O Salvaxe Sarcasmo dos Soños do presente, e a silente atracción polo Suicidio: O Sil. O Miño é o noso Sangue, e o Sil a súa Sombra.
Sereos e Sombríos, finalmente transcende o Sorriso astuto.

t. Terra.
E o Tempo, o Trastorno e as súas Tebras. A Tradición
dunha
Triste Tenrura.
A Terra é o principio, e todo existe nela e para ela.

u. Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade nos nosos soños.

v. Vacas en Vales mollados, e a férrea Vontade dos Vellos encadeados á terra, co Vicio do seu fatalismo escéptico.
Verde. Verde, e máis Verde sobre outros Verdes, e por tras: Verde.

w. Wisky: noite urbana.
Galicia é Wagneriana, ou é máis ben un Wolfgang Amadeus enfermo de paisaxe, soñando con Sibelius?

x. 25 de xullo.

y. y

z. Fin

a camelia é un símbolo do noso idioma,
 pois florece no corazón do inverno e resiste
mesmo nas circunstancias máis adversas