Pasamos o ano falando de libros e recomendándollos aos rapaces, bos ou malos lectores, pero rapaces ao fin e o cabo. Intentamos acercarnos a eles e contaxiarlles o noso interese pero chega un momento no que o que queremos é compartir con iguais o pracer da lectura. Esas reflexións sobre a idade, a soidade e os problemas que só poden comprender aos que coma ti xa levan as costas anos e experiencias.
Fartos xa de adolescentes contra o mundo, princesas ocultas na guarida dun dragón, misteriosos personaxes que axudan cando o necesitamos, grandes amores incomprendidos, rapaces e rapazas na escola ou de marcha, piratas con bos sentimentos, illas perdidas, .... ¡Queremos compartir as lecturas entre nós!
Para conmemorar o Día do Libro, non só, hoxe 23 de abril, senón todo o ano, o Equipo de Dinamización da Biblioteca proponvos aos profesores e ao persoal non docente que traiades algún libro que vos gustara. Así compartiremos ese pracer persoal, ese vicio, que de algún xeito lle mostrará aos demáis o que vivimos e sentimos.
Depositade na cesta que está na Biblioteca os vosos libros:
1.- Deben ter nome no interior para saber de quen son.
2.- Cando collades un libro, cubride a folla cos vosos datos así sempre saberemos quen está a ler o mesmo libro que nos lemos.
3.- Ao rematar devolvede o libro a cesta e riscádevos da lista.